sports

Unha samba "saída do corazón" para Millene e o Deportivo

«Quando a Millene salta e vai crescendo a alegria e a emoção, toda a galera canta e a vitória leva sempre a sua cor». Así comeza Samba para Millene, unha canción da cantautora galego-portuguesa MJ Pérez, presente no seu último traballo, Je tiens bon, que inclúe un tema adicado á dianteira do Deportivo Abanca, peza fundamental no ascenso en 2024.

Todo xurdiu un 13 de abril, en Bilbao, tras «seis horas de coche», nas que «sentimos no corazón que ese ano chegaría o ascenso». Un grupo de siareiras alcumadas a T3, que tamén converteron a súa paixón en podcast, acompañou o equipo daquela dirixido por Irene Ferreras a xogar ante o Athletic B. «Estaba a torcerse a cousa. Berramos os 90 minutos, pero a pelota non quería entrar. Vivimos un deses momentos máxicos ca asistencia de Ainhoa e a determinación de Millene. Entramos en euforia e acabamos toda a grada celebrando abaixo cas xogadoras», rememora MJ Pérez, artista e afeccionada do club branquiazul. Coa alegría do ascenso, tras «intercambiar un par de palabras con Millene», fixo unha promesa que acaba de ver a luz: «Vouche facer unha canción».

Escoita a canción aquí

Así xurdiu a canción

«Ela riu, pensaría que que lle estaba contando. Non imaxinaba que fora en serio. E cando empecei co álbum, decidín integrar este tema», explica sobre como xurdiu unha canción de claro aroma brasileiro nun disco cunha «gran variedade cultural moi amplia» e un bo feixe de artistas e colaboracións que dan cor ao seu último traballo tras Guerrilleira, Casandra e A Luz Prendida.

«Escribir a letra foi difícil, é curta, pero custoume porque o meu contacto co portugués é o de Portugal, e eu estou moi enchoupada. Quería facelo en portugués do Brasil, e cun código futbolístico», explica a de Arzúa sobre o proceso de creación do tema.

A canción non engana co seu nome: é unha samba para gozar. Para bailar. E chega nun momento delicado para a xogadora brasileira, que tivo unha importante lesión que lle obrigou a pasar polo quirófano. «Ela xa a escoitou, escribiume unha mensaxe moi bonita, e estou moi agradecida. Gustoulle o tema. Dáme tristura pola circunstancia, pero espero que recorde que estamos aquí con ela e que a queremos moitísimo», explica.

Unha canción dende o corazón para o Deportivo

«Fixen este tema porque me saía do corazón, porque son ás miñas cores, e son as miñas referentes. Non só lle canto a Millene, tamén a toda a plantilla, e a todas esas rapazas que veñen ou que fixeron camiño. É unha representación que engloba algo máis alá», engade sobre a elaboración dunha canción futboleira que reivindica o papel o fútbol feminino nun momento de expansión a nivel social.

A cantautora, ademais, fala da necesidade de «mesturar» o fútbol e a cultura para aumentar «a visibilidade» e «poñer en valor o fútbol feminino», algo que non é novo para ela, pois en 2024, con motivo da loita do Dépor Abanca polo ascenso, compuxo tamén Tanto por loitar, en homenaxe ao deporte e ao equipo.

Nos últimos anos xurdiron varias cancións dedicadas o Deportivo por parte de distintos artistas e xéneros: «Debe ser dos clubes, aquí en Galicia, que de forma espontánea máis xente fixo cancións relacionadas co equipo de forma altruísta, sen máis pretensións que cantarlle a unha paixón a ás súas cores». Algo que, cre, o Dépor «non está aproveitando», coma si fan outras entidades: «Hai aquí un movemento, e estamos inspirados, pero estaría guai que o club e a afección non estiveran virados de costas. O Dépor ten moitos temas e poderían poñer un por partido, sen aborrecer».

Read full story at www.sport.es →